Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá

A Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá nace da inquedanza dun grupo de mulleres e homes, que teñen en común a súa aposta por crear una alternativa de vida persoal, cultivando un oficio artesán co obxectivo de contribuír á mellora do desenvolvemento económico social e cultural na nosa comarca.

Con este escrito queremos presentarnos este novo colectivo e tratar de explicar que queremos traballar conxuntamente con tódalas entidades que así o desexen para sacar proveito aos valores sociais, culturais e económicos que a artesanía posúe na nosa comarca.

Os oficios artesáns foron o alicerce fundamental da evolución da nosa sociedade dende tempo inmemorial, conxugando a sabedoría tradicional do oficio coa innovación e adaptándose os tempos para producir e crear obxectos e pezas, cuxos valores mais destacables son:

  • Que están feitos de xeito sostíbel
  • Que teñen a capacidade de ir creando identidade, e
  • Que sempre son pezas únicas e non clonadas.

Temos a capacidade de transformar os elementos, en pezas de utilidade social e cultural, valéndonos do enxeño, da técnica, e o mais importante, das nosas mans. Impregnamos co noso carácter tódolos produtos que construímos, aínda que o mais importante non é o que facemos, senón o que sabemos. Somos portadores dunha sabedoría popular que durante séculos estivo connosco que queremos transmitir, pois resulta inadmisíbel a perda de todas esas técnicas de traballo, coñecemento dos materiais, respecto o medio ambiente; en definitiva, cada oficio que se perde, fainos mais pobres e mais insignificantes como colectivo.

Aínda que Manuel María escribiu «A Terra Chá é unha casa aquí e outra acolá…» , nos ben poderíamos dicir «A Terra Chá é un Obradoiro aquí e outro acolá» , pois estamos

espallados por toda a comarca e, apesares de que ata agora estivemos traballando cada un no seu obradoiro, xa que todos oficios requiren moita dedicación para sacar adiante a produción necesaria para vivir, de aquí en diante imos acometer parte do noso traballo en común.

Chegamos á convicción de que tiñamos que agrupármonos arredor desta asociación en favor dunha artesanía que sexa motor social, cultural e económico da nosa comarca.

Tentaremos aproveitalas sinerxías que poidan ser favorábeis, como o asentamento de todos e todas nós na mesma comarca, as características dos nosos obradoiros, a maioría situados no entorno rural ou en vilas; a diversidade dos oficios que representamos, e a ampla experiencia de todos e todas as artesáns que formamos parte da asociación; tamén a grande riqueza de patrimonio material e inmaterial da comarca, os xacementos arqueolóxicos, os castros, o patrimonio medieval, o relixioso… Tampouco esquecemos o prestimonio natural e ecolóxico, os ríos, as lagoas, os humedais, Insuas do Miño, fragas e flora autóctona…

A nosa comarca é eminentemente rural e agrícola, e estamos asistindo dende hai anos a un deterioro económico e social do noso entorno, a artesanía pode ser unha alternativa viable de vida, si se traballa conxuntamente e de xeito transversal, tanto a administración, como os artesáns e obradoiros existentes na zona… as posibilidades non teñen límite.

Queremos colaborar cos Concellos desta comarca pois parécenos fundamental que a administración local se implique nos proxectos asociativo , por ser a que mais preto está dos veciños e a que mais axiña pode velas potencialidades de proxectos onde a artesanía pode ser un eixo vertebral importante, pero que abrangue tamén o territorio, o patrimonio, o turismo, a cultura…

 

Os obxectivos da asociación son:

– Posta en valor e divulgación dos oficios artesáns da Terra Chá;

-Facer visíbeis os obradoiros artesáns da comarca;

-Realización de rutas da artesanía e o patrimonio da Terra Chá;

-Formación ocupacional e profesional de artesáns e novos artesáns;

-Recuperar os oficios artesanais tradicionais;

-Promovelas técnicas contemporáneas nos oficios artesáns;

-Impulsala relación entre os obradoiros e artesáns da comarca;

-Facilitala colaboración de diferentes disciplinas artesanais en proxectos de elaboración conxunta de pezas;

-Coordinar a montaxe dunha exposición que recolla obras de cada obradoiro;

-Promover accións que conxuguen a artesanía, co territorio, co patrimonio, co turismo e coa identidade cultural.

-Realizar encontros arredor dos oficios artesáns;

-Asesorar e colaborar na realización de feiras de artesanía na comarca;

-Impulsar a asistencia dos obradoiros membros da asociación a feiras de artesanía.

 

Relación dos obradoiros e artesáns que compoñen a Asociación:

 

Nome e apelidos Oficio Nº R.X.A.G Carta artesán Concello
Iria Pigueiras Vilar Complementos de moda 907 3508 Vilalba
Xabier Quijada López Cantería-talla en pedra 324 1462 Guitiriz
Idoia Cuesta Alonso Cestaría contemporánea 525 1164 Outeiro de Rei
Vicente Ledo Roca Torneado da madeira 248 487 Xermade
Josefa Lombao Ferro Olería de Bonxe 359 307 Outeiro de Rei
MªCarmen López Díaz Confección de traxe galego 443 877 Vilalba
Xaneco Tubío Fernández Luthier zanfonas e percusión 213 663 Outeiro de Rei
Pilar López Cupeiro Iluminación e artes plásticas 373 1411 Cospeito
Marcos Ladra Sanjurjo Talla de madeira 928 Vilalba
Monse Tubío Fernández Calceta e ganchillo 4759 Outeiro de Rei