Vicente Ledo Roca

Torneado da madeira

Obradoiro de torneado da madeira:

Vicente Ledo adicase profesionalmente a traballala madeira dende o 1984.

Herda dos seus devanceiros maquinaria, ferramenta, madeiras e, o máis importante, os coñecementos sobre os oficios.

As inquedanzas interiores fan que compatibilice a labor artesán co traballo sociocultural perante anos e dan paso a un proxecto ambicioso que xorde en 1997, a Aldea Artesán de A Fraga, un lugar de onde parten iniciativas que tentan conservar e dar a coñecer os diferentes oficios artesanais tradicionais relacionados coa madeira, especialmente o torneado tradicional e creativo.

Coa intención de recuperar do esquecemento, documentar e dar a coñecelo oficio, Vicente xunto con Fernando Verez Tojeiro promoven, organizan e coordinan os Encontros Internacionais de Torneiros de Madeira en Galicia (www.encontrodetorneiros.org) que dende 2001 se celebran anualmente, primeiro nas instalación da propia Aldea Artesán e dende o ano 2006 nas instalacións públicas do Concello de Xermade.

Vicente di que hai veces que non sabe como separala sabia da arbore do sangue do corpo, tal é o punto onde o oficio se mestura cá paixón. As veces soña que a paisaxe interior do artesán dialoga coa madeira para crear pezas respectuosas, útiles, cálidas e de calidade…o traballo, convertese en pracer namentres se transforma unha materia que transmite calma o espírito do artesán. A madeira é un elemento vivo en constante diálogo coa persoa que a transforma. Nesa conversa pode haber malos entendidos, atrancos parellos a tantos outros que ocorren a diario. A solución a estes desencontros está nas mans expertas dos artesáns, persoas con vocación que coñecen os segredos do seu oficio e tentan achegarse a alma das persoas e o cerne da madeira, que por aí se andan.

Contacto

Lugar de A Fraga, Cazás    27824-Xermade (Lugo) 667532151 info@casadafraga.com

Na web

www.casadafraga.com http://www.facebook.com/aldeaartesandeafraga