A Asociación de Obradoiros Artesáns da Terra Chá nace da inquedanza dun grupo de mulleres e homes, que teñen en común a súa aposta por crear una alternativa de vida persoal, cultivando un oficio artesán co obxectivo de contribuír á mellora do desenvolvemento económico social e cultural na nosa comarca.
Con este escrito queremos presentarnos este novo colectivo e tratar de explicar que queremos traballar conxuntamente con tódalas entidades que así o desexen para sacar proveito aos valores sociais, culturais e económicos que a artesanía posúe na nosa comarca.
Os oficios artesáns foron o alicerce fundamental da evolución da nosa sociedade dende tempo inmemorial, conxugando a sabedoría tradicional do oficio coa innovación e adaptándose os tempos para producir e crear obxectos e pezas, cuxos valores mais destacables son:
Temos a capacidade de transformar os elementos, en pezas de utilidade social e cultural, valéndonos do enxeño, da técnica, e o mais importante, das nosas mans. Impregnamos co noso carácter tódolos produtos que construímos, aínda que o mais importante non é o que facemos, senón o que sabemos. Somos portadores dunha sabedoría popular que durante séculos estivo connosco que queremos transmitir, pois resulta inadmisíbel a perda de todas esas técnicas de traballo, coñecemento dos materiais, respecto o medio ambiente; en definitiva, cada oficio que se perde, fainos mais pobres e mais insignificantes como colectivo.
Aínda que Manuel María escribiu “A Terra Chá é unha casa aquí e outra acolá…” , nos ben poderíamos dicir “A Terra Chá é un Obradoiro aquí e outro acolá” , pois estamos
espallados por toda a comarca e, apesares de que ata agora estivemos traballando cada un no seu obradoiro, xa que todos oficios requiren moita dedicación para sacar adiante a produción necesaria para vivir, de aquí en diante imos acometer parte do noso traballo en común.
Chegamos á convicción de que tiñamos que agrupármonos arredor desta asociación en favor dunha artesanía que sexa motor social, cultural e económico da nosa comarca.
Tentaremos aproveitalas sinerxías que poidan ser favorábeis, como o asentamento de todos e todas nós na mesma comarca, as características dos nosos obradoiros, a maioría situados no entorno rural ou en vilas; a diversidade dos oficios que representamos, e a ampla experiencia de todos e todas as artesáns que formamos parte da asociación; tamén a grande riqueza de patrimonio material e inmaterial da comarca, os xacementos arqueolóxicos, os castros, o patrimonio medieval, o relixioso… Tampouco esquecemos o prestimonio natural e ecolóxico, os ríos, as lagoas, os humedais, Insuas do Miño, fragas e flora autóctona…
A nosa comarca é eminentemente rural e agrícola, e estamos asistindo dende hai anos a un deterioro económico e social do noso entorno, a artesanía pode ser unha alternativa viable de vida, si se traballa conxuntamente e de xeito transversal, tanto a administración, como os artesáns e obradoiros existentes na zona… as posibilidades non teñen límite.
Queremos colaborar cos Concellos desta comarca pois parécenos fundamental que a administración local se implique nos proxectos asociativo , por ser a que mais preto está dos veciños e a que mais axiña pode velas potencialidades de proxectos onde a artesanía pode ser un eixo vertebral importante, pero que abrangue tamén o territorio, o patrimonio, o turismo, a cultura…
Os obxectivos da asociación son:
– Posta en valor e divulgación dos oficios artesáns da Terra Chá;
-Facer visíbeis os obradoiros artesáns da comarca;
-Realización de rutas da artesanía e o patrimonio da Terra Chá;
-Formación ocupacional e profesional de artesáns e novos artesáns;
-Recuperar os oficios artesanais tradicionais;
-Promovelas técnicas contemporáneas nos oficios artesáns;
-Impulsala relación entre os obradoiros e artesáns da comarca;
-Facilitala colaboración de diferentes disciplinas artesanais en proxectos de elaboración conxunta de pezas;
-Coordinar a montaxe dunha exposición que recolla obras de cada obradoiro;
-Promover accións que conxuguen a artesanía, co territorio, co patrimonio, co turismo e coa identidade cultural.
-Realizar encontros arredor dos oficios artesáns;
-Asesorar e colaborar na realización de feiras de artesanía na comarca;
-Impulsar a asistencia dos obradoiros membros da asociación a feiras de artesanía.
Relación dos obradoiros e artesáns que compoñen a Asociación:
Nome e apelidos | Oficio | Nº R.X.A.G | Carta artesán | Concello |
Iria Pigueiras Vilar | Complementos de moda | 907 | 3508 | Vilalba |
Xabier Quijada López | Cantería-talla en pedra | 324 | 1462 | Guitiriz |
Idoia Cuesta Alonso | Cestaría contemporánea | 525 | 1164 | Outeiro de Rei |
Vicente Ledo Roca | Torneado da madeira | 248 | 487 | Xermade |
Josefa Lombao Ferro | Olería de Bonxe | 359 | 307 | Outeiro de Rei |
MªCarmen López Díaz | Confección de traxe galego | 443 | 877 | Vilalba |
Xaneco Tubío Fernández | Luthier zanfonas e percusión | 213 | 663 | Outeiro de Rei |
Pilar López Cupeiro | Iluminación e artes plásticas | 373 | 1411 | Cospeito |
Marcos Ladra Sanjurjo | Talla de madeira | 928 | Vilalba | |
Monse Tubío Fernández | Calceta e ganchillo | 4759 | Outeiro de Rei |